martes, 5 de decembro de 2017

A mirada de Uxía





Nunca máis

Son as sete e media da tarde, e a 22 de novembro, xa é de noite. Dende a ventá da miña cociña, que é a que mellores vistas ten, vexo unha paisaxe bonita pero á vez tristeira.
Preto do meu fogar, á dereita, está o dos meus veciños. Soamente se pode mirar con claridade un dos seus laterais, alumeado por un farol do camiño. Ten tres fiestras: dúas na parte superior, e outra no primeiro andar. A vivenda está feita de pedra, é por iso polo que me fascina. Sempre me gustaron as casas de pedra, son serenas, antigas, antigas, fortes,sabias...
Detrás do inmoble hai algúns eidos que os seus donos traballan con moito esforzo.
Vexo tamén, algo máis lonxe, moitas árbores que dividen o panorama en dous mundos moi distintos: o campo e a cidade.
Agora mesmo só se poden apreciar puntiños, moitas luces de diversas tonalidades: vermellas, amarelas, brancas, verdes... Algunhas quietas, outras intermitentes, outras en movemento...
Neste intre estou mirando pola xanela para escribir este texto, pero case non é necesario, pois coñezo a paisaxe de memoria. Non é a primeira vez que me paro a mirar pola ventá, fágoo moi a miudo porque me gusta meditar e recapacitar sobre o que hai ao outro lado
Penso en como era hai uns cen anos atrás, imaxínoo todo máis verde: con máis campos e máis árbores; e con menos edificios, menos automóbiles, menos ruído e menos luces.
A tecnoloxía avanzou moito, suponse que sempre para ben, pero en moitos aspectos empeorou as cousas.
Antes gustábame máis mirar de día que de noite, pero dende fai algo máis dun mes cambiei de opinión.
Dende a miña fiestra, á esquerda da cidade, onde xa non se ven luceciñas, vese o monte Alba, un dos moitos, dos moitísimos montes arrasados polo lume aquel 15 de outubro. Imprisionante. Trémeme o corpo só con pensalo. Non podo crer como existen persoas tan ruíns, tan malvadas, tan desalmadas como para facer tal cousa, como para facerlle tanto dano a unha terra tan fermosa como é Galicia. Penso que a tecnoloxía ten algo de culpa, a xente de hoxe en día só pensa nas pantallas, nos móbiles, nas redes sociais, na televisión, en todas esas luces que vexo eu dende a ventá, que sí, que son bonitas, pero mellores serían as luces das estrelas si se puideran ver como as vían hai cen anos, erguer a cabeza e ver millóns de puntiños brillando no ceo, oxalá, oxalá levanten a cabeza das pantallas os que viven agora, porque, xa que non poden ver as estrelas, substituídas polas luces, que vexan as paisaxes, as preciosas paisexes que aínda ten Galicia. Entón, ao mellor, aqueles que o 15 de outubro se dedicaron a destruir, poderían descubrir o encanto que ten Galicia, e de seguro, chegarían a amala, como o fago eu, e todos os que vivimos do outro lado desa barreira de árbores que se ve dende a miña ventá. Do lado máis verde, máis fermoso.
Hoxe as nubes choran, non sei se por rabia ou por tristeza, pero eu soño, teimuda, con que o volvan facer por felicidade. Que a xente abra os ollos e que non se repita un día como ese, nunca máis.

Uxía Román 3ºB